O BNG da Illa cifra en 2 millóns de euros o custo para o Concello da nova EDAR e culpa ao PSOE

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

BNG e PSOE en xuño do 2023, cando fixeron público o pacto de goberno
BNG e PSOE en xuño do 2023, cando fixeron público o pacto de goberno MONICA IRAGO

Acusa ao seu socio de goberno de actuar de forma irresponsable e electoralista

04 may 2024 . Actualizado a las 13:58 h.

O BNG da Illa está demostrando que gobernar en coalición, no seu caso co PSOE, non implica dar por boa a xestión do seu socio, e volve facelo a conta do acordo adoptado no pleno de onte no que se aprobou por unanimidade o convenio entre o Concello e a Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas España para a execución, financiamento e explotación da futura depuradora da augas residuais (EDAR) da Illa.

O BNG fala dun ultimato de Acuaes e advirte: «Agora temos que pagar as consecuencias (...) aquí gobernouse moitos anos de maneira irresponsable, con este e con outros asuntos, xogando balóns largos, sempre coincidindo con períodos electorais, e o que veña por detrás que arree»

O BNG bota contas e chega á conclusión de que a nova EDAR custaralle ao Concello 2 millóns de euros: «O convenio establece con cargo ao estado español un financiamento de como máximo 6.551.403,76, o 80 % do orzamento inicial, é dicir, que o Concello da Arousa comprométese a financiar 1.637.850,9 máis todo o que se poida incrementar o custo da obra, aspecto que descoñecemos neste momento. O Concello, se todo sae ben, ten que devolver esa cantidade en 10 anos, que no caso de acudir a financiamento alleo, sumando os xuros, estariamos a falar dunha cantidade arredor de 2 millóns de euros. Outra posibilidade é repercutilo en cotas aos veciños, e, finalmente, afrontalo con recursos propios procedentes doutras operacións como as achegas recibidas pola concesión do abastecemento de auga potable. Dicir aquí, máis unha vez, que en calquera caso os cartos sempre saen dos veciños, vía cotas, UE, Estado, calquera outra administración ou o propio Concello».

Ante este escenario, o BNG pide que se implique á Xunta de Galiza na achega de fondos para a construción da nova EDAR, «para iso cobran o canon da auga».